Monday 29 de April de 2024

A asistencia de público ao Coliseum aumentou nun 22% o ano pasado, con eventos que sumaron 38.000 asistentes


O recinto municipal acolleu 24 citas, entre elas o concerto de Rauw Alejandro que, con 5.000 asistentes, foi un dos máis concurridos

O Coliseum da Coruña, xestionado polo Concello a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), experimentou durante o ano pasado un incremento do 22 % no número total de asistentes en comparación co global do ano 2020, en concordancia co inicio da recuperación dos niveis de actividade en canto ao número de eventos programados.

No ano 2021, con 24 eventos executados e un total de 26 funcións, o balance de asistencia foi de 37.696 usuarias e usuarios, o que supuxo unha media de 1.571 asistentes por evento e unha porcentaxe de ocupación media do 82,6 % da capacidade, o que indica, tamén, un aumento do 8,2 % en comparación co ano 2020. Este dato reflicte a interese do público pola actividade programada, así como a elevada fidelidade coa actividade do recinto, ante moi diferentes casuísticas sanitarias.

Neste sentido, a programación musical foi a principal protagonista durante o ano pasado, aglutinando o 75 % das propostas. A situación sanitaria obrigou a manter a presenza da Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) no recinto, tanto para a súa tempada de ensaios como para o desenvolvemento da súa segunda parte do curso 2021/22, alternando a posta en escea da súa programación entre o Pazo da Ópera e o Coliseum. Neste último recinto celebráronse un total de 15 concertos da Orquesta Sinfónica de Galicia, cun balance de 3.789 asistentes.

Por outra banda, o segundo semestre do ano 2021 supuxo a volta dos contidos propios do recinto, coas xiras de concertos. Houbo representación nacional, cos artistas Pablo López e a dobre actuación da súa xira Mayday & Saty Tour, así como para Aitana e a súa xira 11 Razones Tour, que esgotou tódalas localidades dispoñibles.

Ademais, máis de 5.000 persoas congregáronse para o debut do artista Rauw Alejandro no Coliseum, o que fixo deste espectáculo unha das citas máis exitosas da programación do recinto durante o ano pasado.

Do freestyle de motociclismo ao Trofeo Miguelito
Durante o ano 2021, no Coliseum tamén houbo espazo para a programación deportiva. O espectáculo dos freestylers de motociclismo fixo ruxir os motores dos mellores especialistas da disciplina a mediados de novembro, con preto de 4.000 asistentes.

Tamén en novembro, a finais de mes, celebrouse a trixésimo terceira edición do Trofeo Miguelito, un clásico do calendario deportivo anual na cidade da Coruña que retomou o formato presencial, co seu habitual ambiente familiar e reunindo a máis de 1.600 judokas. Preto de 10.000 espectadores asistiron ao certame.

Por outra banda, o Coliseum foi a base loxística para a celebración da proba española do Campionato do Mundo de Carreiras de Aventuras, que recorreu a provincia da Coruña durante os primeiros días de outubro